Os ríos de Pazos de Borbén están inzados de pontellas,
muiños, canles e levadas, construccións de pedra cun estatus
entre a arquitectura e a inxeñería popular. Trátase
dun interesantísimo patrimonio etnografico que lamentablemente
pouco a pouco vaise perdendo ó tempo que se abandonan os usos agrarios
tradicionais.

OS MUÍÑOS
Os muíños son construccións que se utilizaban para
moer o gran e facer fariña. Dada a importancia que tivo antigamente
o pan na alimentación, os muíños constituén
un elemento moi presente nas nosas parroquias, pois a actividade do mundo
rural xiraba en torno a eles. Os nosos muíños son todos
de pedra e hidráulicos e localízanse en Pazos de Borbén
uns 60.
A maioría son sinxelos e pequenos, aínda que podemos atopar
algúns nos que se construía un cubo ou pozo de pedra de
gandes dimensións ó que chegaba a auga mediante un acueducto.
Un exemplo deste sistema é o Muíño
de Xacinto, en Xunqueiras. Outro bonito exemplo de muiño en
bo estado de conservación é o Muíño
de Fonte Cova en Borbén.

OUTRAS CONSTRUCCIÓNS
En torno ós muíños sempre atopamos fermosos
restos en pedra, vestixios dun rico patrimonio histórico vencellado
á vida no rural: levadas
para a auga, pasais e pontellas,
fontes, e típicos camiños de carros enlousados, agora en
desuso, con pedras asurcadas polas rodeiras dos carros.

COMO SE UTILIZABAN
Os veciños das aldeas repartían as horas de moer o gran
por turnos. Na nosa zona estes períodos de tempo que lle pertencían
a cada veciño eran coñecidos como fridas.
Cando tocaba moer polas noites, acendíase unha pequena fogueira
e cantabanse multitude de cantigas para pasar a noite mais entretida.
Arredor dos muíños establecíanse pois importantes
relacións sociais, ofrecendo a nosa cultura múltiples manifestacións
relacionadas con eles. Hoxe en día
estanse recuperando algúns destes muíños para que
os máis novos saiban como era un muíño en funcionamento.

CRENZAS E SUPERSTICIÓNS
Contan que se acontecía algo extrano no muíño, como
que paraba de moer por momentos ou algo así, era porque a Santa
Compaña rondaba por alí. O que facían era botarlle
unhas brasas da fogueira na moega á vez que se rezaba un Noso Pai
e o muíño seguía funcionando de contado.
|